Monday 29 de April de 2024

O Concello segue a reclamar á Xunta que actúe ante a constante presenza de xabaríns en zonas urbanas


A Xunta de Galicia está a desatender gravemente as súas obrigas coa cidadanía ante o grave risco para a seguridade cidadá que provoca a continua presenza de xabaríns en zonas urbanas. Malia as continúas reclamacións por parte do Concello reclamando batidas e xaulas para poñer fin á situación, a Consellería de Medio Ambiente fai caso omiso.

Ademais dos riscos para a integridade física das persoas, son cuantiosos os estragos provocados polos porcos bravos en parques e zonas verdes públicas, así como en propiedades privadas. Tamén son numerosos os accidentes de tráfico, especialmente perigosos na vía Ártabra.

“Onte no centro de Santa Cruz, en pleno concerto de Alfaroleiros, ante unhas 300 persoas, había 3 exemplares. A xente dicíame: vostede non fai nada alcalde? Eu non podo facer nada porque as competencias son exclusivas da Xunta de Galicia. Igual están tensando a corda para que eu faga o que non me permite a lei e así sacarme de alcalde utilizando a xustiza. Xa que parece que lles gustan tanto, a ver se conseguimos un e llo deixamos alí en Santiago, para que o poñan de mascota”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.